Novas e comunicacións
Publicación do Anuario de pesca fresca 2023
28/02/2014O ano pasado superáronse os 3,3 millóns de transaccións comerciais dos produtos pesqueiros frescos efectuadas polas lonxas galegas, que se transmitiron a través das notas de primeira venda rexistradas e validadas no ámbito da Plataforma Tecnolóxica da Pesca.
Este é un traballo que se plasma a diario nunha plataforma que se actualiza cos datos recibidos que se recollen de xeito provisional na páxina web para a súa consulta por todas as persoas interesadas, ademais de posibilitar o cumprimento das esixencias regulamentarias, estatais e europeas, en canto á transmisión de datos das notas de primeira venda. Unha ferramenta que muda agora e se convirte en máis intuitiva, áxil e visual á hora de plasmar a información.
Aínda que a fiabilidade destes datos é cada vez maior, resulta imprescindible a realización dun posterior traballo de revisión e validación destas transmisións que implica unha fluída comunicación cos establecementos onde se realiza a primeira venda para posibilitar a súa consolidación definitiva.
Unha vez que estes datos acadan a súa consolidación definitiva procédese á publicación anual, que permite ofrecer un resumo ilustrativo sobre a situación da comercialización da pesca fresca en Galicia. Actualmente, este resumo concrétase no Anuario de pesca fresca 2023, continuando cun proceso de difusión que arrincaba no ano 2003, hai máis de dúas décadas.
Esta publicación, seguindo a liña das anteriores, estrutúrase en cinco partes nas que se poden atopar os datos de primeira venda para os diferentes grupos biolóxicos, as vendas por distribución xeográfica, as especies de maior representatividade comercial, así como o volume comercializado e o valor das vendas das principais lonxas.
Deste xeito, tentamos cumprir co obxectivo de facilitarlles unha información útil ao sector pesqueiro e marisqueiro, ao persoal investigador e en xeral ao público interesado, dos principais datos estatísticos da primeira venda de pesca fresca realizada en Galicia no 2023. A información ofrecida aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024.
Esta publicación pode consultarse nesta ligazón.